Friday 03 de May de 2024

As persoas que participan no programa “Ti tes a chave” poderán recoller bolsas de compost na feira do xoves


Coincidindo co mercado semanal, o posto informativo estará instalado mañá na rúa Coruña

Grazas ao programa Ti tes a chave, cada mes enviamos a Sogama máis de 25.000 quilos de residuos orgánicos para o seu tratamento na planta de compostaxe. Unha parte do compost producido en Cerceda regresa ao noso concello para que poida ser utilizado nos xardíns públicos, pero tamén polas persoas que están contribuíndo a que poidamos pechar o círculo da xestión dos bio-residuos.
Grazas á colaboración de Sogama, Urbaser e Dixardín, esta semana realizaremos un novo reparto de compost coincidindo co mercado do xoves. Tanto se tes a chave dos colectores marróns como se tes un composteiro doméstico poderás achegarte ao posto que teremos na rúa Coruña para recoller a túa bolsa de balde.

Deste xeito continuamos tamén coas accións de rúa coas que tratamos de seguir achegando á poboación a información necesaria para seguir ampliando a rede de colaboradores na recollida selectiva de residuos orgánicos. Atoparás o noso posto na rúa Coruña, de 10.00 a 14.00 horas, e poderás adherirte ao programa Ti tes a chave. Entregarémosche a chave que abre os colectores marróns e bolsas compostables.

Se este xoves non podes achegarte, aquí tes o calendario das seguintes accións de rúa:
• Xoves 16 de febreiro
• Domingo 26 de febreiro
• Xoves 2 de marzo
• Xoves 9 de marzo

E lembra tamén que durante todo o ano podes achegarte de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ata as oficinas de Carballo Limpo, situadas nas galerías da rúa Desiderio Varela, número 34, para informarte sobre a compostaxe ou para aclarar calquera outra dúbida sobre a xestión dos residuos sólidos urbanos no noso concello.